Máis de 7000 persoas participan cada curso nas actividades do Servizo de Deportes da Universidade de Vigo. Máis de 2500 fano nas ligas universitarias de baloncesto, balonmán, fútbol sala, fútbol 7 ou voleibol. As instalacións dos campus de Ourense, Pontevedra e Vigo son referentes nas súas respectivas cidades. Unha Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e un Máster en Xestión Empresarial do Deporte. Estes son só algúns dos datos que amosan como o deporte é unha peza fundamental na engrenaxe da vida académica e do camiño cara a excelencia universitaria, tal e como se puxo de manifesto na XXII Gala do Deporte Universitario celebrada o 3 de decembro no campus de Ourense. Foi unha gran festa na que a comunidade universitaria e a cidadanía en xeral recoñeceu, a través de diferentes premios, os logros e o esforzo dos deportistas universitarios e de persoas e entidades alleas que contribúen ao desenvolvemento desta práctica e dos seus valores.